Quantcast
Viewing all articles
Browse latest Browse all 117

Calandiño, correndiño: xerundios con diminutivo

Algunhas veces parece que un ten que escoitar as palabras en boca doutros para darse conta de que existen. Tal foi o que me pasou a min cun uso do diminutivo moi pouco frecuente, a pesar de ter lido algún dos textos que o conteñen. Refírome ó diminutivo unido ó xerundio "calando".

No seu poema “O gato da tasca mariñeiraBernardino Graña dinos que

[...]
O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
[...]

Ata entón, só coñecía o uso do diminutivo acompañando o xerundio de correr (correndiño), que vin nalgúns poemas de Rosalía e que son os que exemplifican case sempre as escasas mencións que se lle fai a esta particularidade nas gramáticas.

[...]
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;

[...]

Tratando de saber algo máis do asunto, pregunteille ó amigo Google, que sempre está de garda, e contoume que a forma calandiño xa está recollida no dicionario de Marcial Valladares e noutros posteriores que se cadra o tomaron del. Tamén disque está presente en textos doutros autores: Aurelio Ribalta, López Ferreiro, Vaamonde Lores, Leiras Pulpeiro, Roxelio Rodríguez Díaz e algún outro.
Image may be NSFW.
Clik here to view.
"Calandiño" no TILGA
Canto ás gramáticas, calandiño aparece no Compendio de Gramática GalegaBásica de Frías Conde, pero identifica esta forma como participio:

En galego o diminutivo por antonomasia é –iño/a.
[...]
Pode mesmo usarse con participios:
-Vinde para acó, calandiño, eh?

Funcionalmente pode ter pinta, pero formalmente...

Eu non sei se ademais de correndiño e calandiño haberá outros xerundios que se teñan usado con diminutivo. Sexa como sexa, aquí quedan estas notas deslabazadas sobre este recurso enfatizador, fermosa reviravolta do idioma, e que outros con máis tempo, gana e "sabencia" ca min afonden no asunto "se lles prouguer", para poñelo de xeito académico e bonito.


OBSERVACIÓN PARA REFLEXIONAR:

Elena Tarrats, a voz feminina de Gelria é catalá de Barcelona. Non lle supón isto ningún inconveniente para cantar en galego nin para pronunciar perfectamente o ene velar ("non hai", "unha") e o xe palatal ("mexilóns", "empuxan") eses fonemas que se lle atragoan a algúns do país.
Cousiñas que pasan...



Viewing all articles
Browse latest Browse all 117

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú