![]() |
Imaxe de Sabela collida de "RTVE a la carta" |
Eu estou convencido de que non son moitos os túzaros contrarios á diversidade cultural e lingüística e habían ser menos aínda se se fixese algo de pedagoxía aproveitando os medios cos que contamos, porque hai moito descoñecemento e iso alenta os prexuízos. Ocórrenseme, polo de pronto, dúas medidas ben simples:
1- Que os libros de texto de todo o Estado recollan con naturalidade a diversidade toda que existe e resiste, de xeito que calquera adolescente ó rematar a ensinanza obrigatoria sexa capaz de situar correctamente nun mapa os diversos idiomas de España, igual que é capaz de situar os ríos, os montes, as comunidades e as provincias neses mapas mudos que se reeditan por centos curso tras curso.
2- Que en TVE, onde parece que a música volve ter cabida -beizóns a Maika Makovsky- e nas emisoras públicas de radio aparezan con frecuencia intérpretes en todos os idiomas do Estado, de xeito que o sucedido este ano en OT sexa norma e non excepción.
Mentres, non perdemos a esperanza de que Sabela sexa un espello no que se mire a rapazada galega que seguiu a súa andaina no programa. Pero se alguén ve aí a súa imaxe desmellorada ten tamén espellos mediáticos distintos nos que mirarse, como aquela mozoula viguesa que participou hai anos en Gran Hermano e manifestou que lle deu “un bajón” cando descubriu que un mozo que lle gustaba falaba galego.
Escoller entre excelencia e mediocridade tamén é un dereito.