Image may be NSFW. Clik here to view. ![]() |
Imaxe de "Axuntar" no Facebook |
Os grandes gurús da comunicación saben ben, seguindo a Lakov, a importancia de apropiarse das palabras transparentes con connotacións positivas e endosarlle ó rival as que transmiten sensacións negativas.
É o que fixo hai anos a dereita corrupta cando conseguiu que as cabeciñas da xente identificasen "corrupción" co socialismo de Felipe González, daquela no poder e é o que fai o fascismo que se apropia para si da palabra "libertad" como cabeceira dos seus colectivos os seus medios de comunicación, nos que hai de todo menos iso.
Vénme todo isto á cabeza observando algúns movementos que se están dando ultimamente en Asturias en relación co debate sobre a oficialización das súas dúas linguas propias, o asturiano e o galego, a carón do castelán, que xa o é porque así se impón, sen discusión e sen debate ningún, no artigo 3 da Constitución.
No medio de toda a algarada, aplaudo especialmente o nacemento de Axuntar, un colectivo que supoñemos promovido por Quique de Roxíos, a quen nunca se lle pagará suficientemente o seu labor continuado, sereno e atinado desde que, sendo un mozoulo, formou parte daquela ilusionante Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca.
É moi intelixente a elección do nome por parte da xente de "Axuntar", porque ninguén poderá negar as boas sensacións que hai detrás dese verbo: unir, coordinar, traballar en común... Ademais, coñecendo a Quique, un sabe que non hai nada de impostura na proposta. Axuntarse é o que precisan todos os que realmente teñan interese en que as variedades lingüísticas autóctonas de Asturias non sigan esmorecendo, os que realmente teñan interese en que os seus falantes non sexan, na práctica, xente de segunda.
Da súa parte teñen a razón e a lei, xa que incluso desde o Consello de Europa, informe tras informe condenan a escasa defensa da diversidade lingüística no estado español, por moito que o art. 3.3 da Constitución estableza que é un "patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección".
En contra, un le todos os prexuízos que en Galicia coñecemos desde hai moito tempo. Hai que contar con iso e desmontalos un a un coa forza da verdade e da razón. E cando se vaian desmontando, han crear outros coa mesma función: manter os privilexios de quen pode permitirse o luxo de vivir con normalidade sendo monolingüe en castelán
Polo que un vai vendo, a xente de Axuntar está falando con todos pero moi clariño, como cómpre facer. Agardamos que o seu labor non caia en terra erma porque "a forza de tanto amor non pode ser inútil".